13 abril 2012

O noso derby

O do vindeiro domingo será o oitavo partido que vaia ver en directo entre o Celta e o Coruña (utilizo a denominación clásica, a que saía nas quinielas, a que usa Luis Aragonés - porque tan "Deportivo" é o Guadalajara, o Alavés, o Lugo como o da Coruña).

A primeira vez estaban os dous en segunda división, pois subiran xuntos a temporada anterior da 2ªB. Eran os anos do Celta como equipo ascensor, rara vez ficando na mesma división ao remate; mentres que o Coruña levaba moitos anos ( e os que quedaban ) sen asomarse por primeira. Era a xornada 26 da temporada 81-82. Unha tarde de chuvia; Fernández Albor no palco e creo que o Himno Galego na megafonía. Eu estaba en General. Gañamos 1-0 e os últimos minutos sufrindo corners en contra precisamente na portería onde eu estaba. Era o Celta de Ademir, lanzado cara a Primeira División, e aínda que a diferenza futbolística entre os dous equipos era notable, naquel partido non foi tan patente. Descubrín iso do que se fala tanto nos derbis, de que as forzas iguálanse.

O segundo partido foi moi emocionante. 30 de abril de 2000. O Coruña chegaba como líder, e ao final gañaría aquela Liga, en parte regalada polo Barcelona que na xornada seguinte perdía na casa co Raio Vallecano. Gañamos 2-1 tamén sufrindo. Gol inicial de Benny MacCarthy, expulsión de Juanfran, empate ao comezo da segunda parte do pelmazo de Turu Flores, agresión de afeccionados do Coruña a Celades, golazo de Gustavo López.

O ano seguinte, 21 de abril de 2001, un bo Celta remontaba o tanto de Valerón, xa na segunda parte. Djorovic - que non celebrou o gol, xa había o ruxeruxe do seu precontrato co equipo rival- e máis Mostovoi déronnos a victoria naquela temporada que finalizaría na Cartuja.

A primeira derrota que eu vin do Celta foi no seguinte partido. Entre semana, 5 de febreiro de 2002, con Mostovoi inxustamente sancionado e recén lesionado Berizzo. O Celta líder. Eu teño a Medina Cantalejo de protagonista do partido, que non soubo parar o xogo moi duro rival. Tristán estaba lúcido ante a portería aínda que as lembranzas diríxense á patada que recibiu de Vágner cando ía rematar o partido. Probablemente por xogo non se merecera perder, pero a filosofía de Boskov prevalece: fútbol é fútbol.

O primeiro ano de Lotina trouxo unha victoria clara do Celta: 3-0. Tamén na segunda volta: 24 de maio do 2003. Aquel día o adestrador local sorprendera co trivote. O resultado foi o sopor absoluto na primeira parte. Certo é que na segunda parte a victoria do Celta foi merecida e que o Coruña non fixo nada positivo naquela tarde, pero os éxitos a curto prazo non deixaron ver que aquel non era o camiño, como o ano seguinte demostrou.

A seguinte vez que fun a Balaídos a ollar un derby xa era adestrador Fernando Vázquez. 17 de decembro de 2005. No comezo Undiano Mallenco perdonoulle a expulsión a Juanma cando derruba a Núñez que se ía cara a portería. Despois non foi tan clemente con Pinto. O resultado foron as saídas do campo de Pinto e de David Silva para que entrara Esteban. A derrota por 0-3 estivo condicionada por aquela decisión. Sobrou a segunda parte.

O último partido que vin en directo desta xeira de derbis foi canda o debut de adestrador de Stoichkov. Victoria por 1-0 o 15 de abril de 2007- fará o domingo 5 anos-. O Celta merecera un resultado máis amplo pero o importante era gañar, aínda que no remate da temporada o equipo baixou a Segunda. Stoichkov non deixou bos recordos, pero eu lembro con agrado aquela proposta: un único medio centro, liberdade a Nené por todo o fronte da ataque.

En termos estritamente futbolísticos eu son optimista para o partido do domingo. Creo que como equipo o Celta é superior, e ten un xogo moito máis pracenteiro á vista. Creo que vai gañar. Pero o Coruña ten algúns dos mellores xogadores da categoría. Evidentemente hai que subliñar a Valerón, un dos mellores xogadores de España das últimas décadas. Ou a Aranzubía, o mellor porteiro con diferenza da segunda división. Bruno Gama apunta cousas interesantes. E Guardado, a quen a Segunda División fáiselle pequena. O Coruña ten individualidades notables, pero como equipo paréceme mellor o Celta. A nosa victoria achéganos ao ascenso, non gañar obríganos a un longo sprint co Valladolid.

Veremos. Eu non digo nada.

Etiquetas: ,