23 outubro 2008

Agustín Fernández Paz

Non hai máis nada que dicir que non sexa: Parabéns!

Etiquetas:

21 outubro 2008

Leis físicas

Na procura do entendemento do mundo, eu, de cando en vez, acudo ás leis físicas, como o Principio de Incerteza de Heisenberg que vai explicar o por qué das próximas sondaxes previas ás eleccións á Xunta; ou o Principio de Coriolis que vai dar razón da causa da progresiva dereitización das persoas co paso do tempo.
Sobre o amor e outras cuestións non tan vitais pero ao cabo necesarias ("como comer o pan sen o compango da poesía") hai unha bonita canción que tamén aplica a física elemental


Etiquetas: ,

19 outubro 2008

Columnistas

Como moita xente, servidor ten columnistas favoritos, xornalistas que chaman a nosa atención, aos que paga a pena ler con moito vagar. Como vigués, o meu preferido é Eduardo Rolland. Os exemplos do seu bo facer están agora na Voz coma antes estiveron no Faro, cando me volvín devoto del.
Outro columnista que multiplica diariamente o meu interese é Enric González, do que xa falei ben del polas súas "Historias del Calcio". Agora, cando cae nas miñas mans "El País", consigo que a primeira lectura sexa a que vai despois da súa sinatura.
Seguiremos informando.

Etiquetas:

08 outubro 2008

Rima LXXIII

O domingo pola tarde volvín ver unha triste escea asinada polo grande Vittorio de Sica. Lembrei unha das miñas películas favoritas: "Miracolo a Milano", nela ao comezo, ollamos como unha vella señora (Emma Gramatica) atopa nun eido a un bebé ( de maior interpretado por Francesco Golisano), que logo adopta. Cando o bebé xa é un neno, a vella morre, e camiño do camposanto trala carroza fúnebre só vai unha persoa: o neno.
A tradición rural galega impuña o costume de que polo menos unha persoa por cada casa tivera que asistir aos funerais dalgún veciño. E aínda na Galicia menos rural adóitase estar coa familia do difunto neses intres.
O domingo en Pereiró, contra as cinco e media, detrás dun lento coche que levaba un corpo sen vida dende o tanatorio ata o cemiterio situado cen metros máis alá, so ían un crego que ladaiñaba unhas preces, dous homes de non máis de coarenta anos e a continuación unha vellouca de ollos húmidos que parecía ía contestando ao crego.
Lembreime, claro, de Vittorio de Sica, e pensei tamén en Bécquer, porque ás veces, estás só tanto na vida como despois na morte.
Aquela tristísima imaxe de hai dous días segue comigo, e non semella que vaia ser capaz de a esquecer de vez.

Etiquetas:

03 outubro 2008

David Lariño

Lembra o mellor escritor galego vivo, ( segundo a opinión do Rivas , que engadía que as súas verbas ficaban escritas no vento ) cando nos últimos anos do franquismo chegou ao porto de Ribeira un mercante ruso: o Vassili Poliakov ( se a miña memoria non é mala ). E conta como o seu amigo Manolo Barros saiu correndo cara o barco, cunha caixa e un taboleiro de xadrez nas mans berrando "chess, chess". Seica Manolo e o capitán do barco remataron empatados a un, pero no partido de fútbol entre o equipo local e os mariñeiros rusos a victoria foi para os galegos, a cal foi a portada do día seguinte no xornal: Ribeira 5 - Rusia 1.

Mañá, David Lariño, un rapazote galego de Esteiro, con só dezanove anos, pódese converter en Campión de España absoluto de xadrez. Supoño os nervos agora de Manolo Barros en Ribeira, o seu primeiro adestrador, cando David era un neniño ben pequerrecho.
Moita sorte.

Etiquetas: